Saturday 24 de August de 2024

As nenas e nenos da Aldea de Verán de San Sadurniño conciéncianse sobre o consumo responsable de xogos e xoguetes


A rapazada da Aldea de Verán de San Sadurniño participou esta mañá nas actividades do programa Lecer Consumo da Escola Galega de Consumo da Xunta de Galicia. Traballaron sobre o consumo responsable en algo tan importante como os xogos e entretementos, nos que habitualmente se compra de maneira compulsiva e sen moito xeito.
Para tomar conciencia, as nenas e nenos tiveron que superar diferentes probas arredor das actividades de lecer, a publicidade, a pirámide dos alimentos e o código PEGI. Tamén tiveron que deseñar en grupo a portada dun videoxogo facendo referencia a una actividade de lecer activo sen consumo.

Adxudicadas as prazas da Aldea para agosto
E mentres se desenvolve a primeira quenda da Aldea de Verán, o Concello ten en marcha a adxudicación extraordinaria de prazas para a do mes de agosto. Este mediodía quedou publicada no tablón de anuncios municipal a lista provisional de admisións para o mes que entra.

Ás 16 solicitudes cursadas no mes de xuño -presentadas por familias con acceso prioritario ao servizo- engádenselle agora outras 7 tramitadas entre o 1 e o 12 de xullo, todas elas aceptadas pola área de Igualdade.